A European Language Equality é un consorcio que traballa pola igualdade lingüística dixital dos 24 idiomas oficiais da Unión Europea e das outras 60 linguas minorizadas que se falan nela. Co apoio de fondos europeos, e no marco da súa estratexia ELE e ELE2, lanzou unha convocatoria a finais de 2022 para financiar distintos proxectos europeos con SRIA (Strategic research, innovation and implementation agenda), destinada a establecer o marco de investigación, innovación e traballo futuro para acadar a igualdade dixital de todas as linguas europeas de cara a 2030.
 
En imaxin|software presentámonos a esta chamada de proxectos e concedéronnolo. Estamos a empezar a traballar nun sistema que lle permita a investigadores de calquera lingua recoñecer a analizar cales son os recursos e as ferramentas básicas que precisa para desenvolver calquera tarefa de procesamento de linguaxe natural (PLN) ou emular os modelos que actualmente ocupan o estado da arte.
 
O noso traballo, titulado A BLARK for minority languages in the era of deep learning: academia and industry, céntrase no caso do galego desde dúas perspectivas. Por un lado, a da industria, representado pola nosa compañía, e por outro, a da investigación, representada polo Proxecto Nós da Xunta de Galicia. Ao sumar a experiencia de Nós na recompilación de datos para o galego ou para a creación de modelos de investigación coa experiencia de imaxin|software no desenvolvemento de ferramentas en linguas minoritarias para clientes finais, o exemplo da nosa lingua servirá para calquera outra do mundo e, moi especialmente, para calquera que figure na Axenda 2030.
 
SRIA recibiu 36 propostas de 15 países que foron avaliadas por un grupo de expertos. As nove ideas seleccionadas inclúen proxectos das Universidades de Tilburg, Zagreb ou Gent, e entidades como Pangeanic, o Institut for Bulgarian Language, o Research Institute for Artificial Intelligence de Romanía. Outra empresa galega, Balidea, tamén acadou financiamento.
 
Este proxecto súmase a outras iniciativas de imaxin|software no ámbito do PLN e do desenvolvemento de ferramentas lingüísticas como tradutores automáticos, ámbitos nos que somos pioneiros en Galicia.