Que son os Celga?

Os CELGA (Certificado de Estudos da Lingua Galega) permiten certificar o coñecemento que unha persoa ten do galego co fin de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos. Os certificados obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Existen cinco niveis:

  • Celga 1
  • Celga 2
  • Celga 3
  • Celga 4
  • Celga 5

Os catro primeiros niveis contan cuns cursos Celga, aloxados na plataforma de teleformación da SXPL, deseñados para que as persoas usuarias poidan aprender e poñer en práctica os contidos didácticos dese nivel antes de presentarse ao exame.

Cada nivel dispón de dúas modalidades de curso, un titorizado e outro de autoaprendizaxe.

Os cursos contan con oito unidades. Cada unha delas está composta por un vídeo de presentación, unha gramática, un conxunto de textos, vídeos e audios a partir dos cales se elaboran as actividades, exercicios interactivos, un vídeo resumo interactivo (no caso dos cursos titorizados) e dous modelos de probas Celga, un escrito e outro oral.

Cal é o noso labor?

Dende imaxin|software levamos a cabo a parte técnica dos cursos Celga, isto é, creamos os cursos, dixitalizamos os contidos formativos, producimos o contido multimedia e xeramos as actividades.

Nese proceso inclúese a elección do tipo de exercicio máis adecuado para cada caso, a maquetación dos contidos, a adecuación dos contidos e dos exercicios aos requisitos do profesorado, a filmación dos vídeos de presentación e de resumo das unidades, a gravación dos audios para as actividades e a asistencia técnica.

Desenvolvemos os cursos Celga nas dúas modalidades, os cursos titorizados e os de autoaprendizaxe.