Hai proxectos que son especiais. Polo que implican e, sobre todo, polo que significan. Sen dúbida, COPERIA é un deles. Trátase dunha plataforma de apoio a pacientes afectados por COVID persistente, baseada en intelixencia artificial, na que imaxin|software traballou xunto con Bahía software, 10 mets, a Universidade de Vigo, a Fundación Biomédica Galicia Sur e a Área Sanitaria de Ourense do Servicio Galego de Saúde (SERGAS).
As nosas sociedades aínda están padecendo os efectos da pandemia da COVID, unha enfermidade que paralizou o mundo e deixou millóns de vítimas en todo o planeta. Os esforzos colectivos conseguiron sacar adiante varias vacinas que, xunto coas medidas de prevención, reduciron significativamente o seu impacto sobre as persoas. Porén, existe un colectivo de persoas que padecen COVID persistente, con síntomas que inclúen maioritariamente fatiga, dificultade para respirar ou disfunción cognitiva. Pero tamén, dores de cabeza ou articulares, presión no peito ou falta de concentración. Estas circunstancias fan que a súa vida diaria se vexa afectada de forma significativa. Os síntomas poden ser de nova aparición despois dun episodio agudo de COVID ou persistentes desde a enfermidade inicial.
Se ben non existe na actualidade un rexistro de pacientes con COVID persistente, estímase que arredor dun millón de persoas en España poderían estar sufrindo esta situación. No caso de Galicia, serían entre 60.000 e 80.000 persoas. De todos eles, a maior porcentaxe corresponde a mulleres.
Neste contexto, no que as persoas ven afectadas as súas vidas e no que os tratamentos que se manexan están sobre todo na esfera do experimental, nace COPERIA. O consorcio do que participa imaxin|software tiña por obxectivo o desenvolvemento e validación clínica dunha plataforma para o diagnóstico, o empoderamento, a rehabilitación física e cognitiva dos pacientes de COVID persistente. Cunha tripe perspectiva: diagnose, rehabilitación física e rehabilitación cognitiva. O proxecto conta co apoio do Programa Conecta Covid (código IN852D 2021/20) do FEDER a través da Axencia Galega de Innovación.
A plataforma tecnolóxica de COPERIA axudaralles aos médicos e pacientes na xestión da COVID persistente mediante o emprego de tecnoloxías diagnósticas para a estratificación das persoas que sofren esta enfermidade, avaliando os seus síntomas. Igualmente, mellorará as condicións dos pacientes con tratamentos de rehabilitación física e cognitiva, ademais de fornecer información sobre a enfermidade. Unha das novidades do sistema é o emprego da intelixencia artificial para axudar neste proceso.
No caso de imaxin|software tivemos a ocasión de trasladar a nosa experiencia en solucións multimedia para dotar a COPERIA de ferramentas de rehabilitación cognitiva. Así, xunto co equipo clínico, desenvolvemos no proxecto unha plataforma de rehabilitación cognitiva baseada no uso de serious games, xogos deseñados para adestrar capacidades. Este programa de traballo realízase de forma online en dispositivos móbiles -teléfonos intelixentes ou tabletas- con pacientes con síntomas de deterioro cognitivo. Ademais de axudar na recuperación, a utilización dos xogos aporta información clínica que axudará no seu tratamento.
Os xogos, baseados en técnicas de neurosicoloxía e nas evidencias científicas sobre pacientes con COVID persistente, abordan cuestións como a memoria a longo prazo, a aprendizaxe verbal, a memoria de traballo, a velocidade de procesamento ou a función executiva.
Unha das pezas claves para o desenvolvemento de COPERIA serán os pacientes que, nun número superior aos 300, participarán nas tres análises clínicas, un proceso no que xa está a traballar o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Na presentación oficial de COPERIA, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comeseña, sinalou que se trata dunha iniciativa “moi potente a nivel sanitario, pero tamén tecnolóxico, xa que reflicte a implicación de diversas empresas do sector que contribúen a xerar retorno no tecido empresarial”. “Un traballo novidoso, pioneiro en Galicia, e que pon ao servizo da cidadanía as ferramentas máis punteiras”, afirmou. O conselleiro salientou como COPERIA promove o empoderamento dos pacientes mediante “ferramentas que lles resulten útiles no seu día a día”, entre as que destaca o uso dos xogos.
O noso compañeiro Diego Vázquez, quen estivo tamén na presentación en Ourense, considera que COPERIA “se os ensaios clínicos son positivos, será unha ferramenta moi importante na axuda ós pacientes de COVID persistente”. Ao respecto da participación de imaxin|software, cre que os xogos “son unha ferramenta xa contrastada no ámbito educativo e formativo e que agora tamén poden ser de moita importancia en terapias de rehabilitación”.
En imaxin|software estamos moi satisfeitos de colaborar en COPERIA polo que supón de poñer o I+D e a nosa experiencia en produtos educativos ao servizo de persoas que realmente o necesitan, neste caso pacientes de COVID persistente. E estamos igualmente agradecidos aos nosos compañeiros de consorcio e ao equipo clínico polo traballo de colaboración realizado con eles para facer realidade este proxecto.