Ti primeiro é un deses proxectos que enganchan. Especiais. Ten todos os ingredientes para facelo: unha narración visual, interactiva e en varios idiomas. Álex e Sebas son unha parella nova e namorada que pensa que vai estar xunta para sempre. Ata que falan de manter unha relación aberta. É aí cando se complican as cousas. E cando empeza a historia. O proxecto de Roberto Alvite, a medio camiño entre o videoxogo e a novela, explora en tres capítulos a saúde das relacións dunha parella. Imaxes estáticas, un narrador omnisciente, un relato escrito e a interactividade que fornece a aplicación desenvolvida por imaxin|software, fan o resto.
A app, dispoñible en iOS e Android, permite que o usuario escolla o rumbo que debe tomar a historia. ¿Debe Sebas entrar na habitación?, ¿debe Sebas saír do piso?. A última palabra -o último clic, neste caso- depende de nós. Ningunha das opcións é mellor que a outra e, ao final, teremos catro posibles rutas narrativas por episodio que nos axudarán a entender mellor aos personaxes. E, claro, sempre podemos volver ao principio para levar a historia por outro camiño.
A novela explora a saúde das relacións de parella e a evolución dos sentimentos co paso do tempo. Enmarcada dentro do campo da filosofía social, entretén, pero tamén aborda realidades cotiás que nos obrigan a reflexionar e a tomar decisións. Producida por Melgo Cinema, Ti primeiro conseguiu nas primeiras semanas do seu lanzamento, en agosto de 2021, máis de 10.000 descargas procedentes de 30 países.
A aplicación que envolve este videoxogo desenvolveuse en seis idiomas (galego, español, inglés, francés, italiano e portugués). O primeiro episodio, O melón (2013) está dispoñible de xeito gratuíto. O xogo pode adquirirse completo por 3,99 euros. Ademais dos outros dous episodios, inclúe como extras o storyboard, fotografías da rodaxe e escenas do making of. A app complétase cun apartado de axuda e opcións.
O videoxogo está protagonizado por Iris Darriba e Roberto Alvite. Rodouse na Coruña e contou co apoio da Deputación da Coruña, Crea SGR e Triodos Bank. Se queres coñecer en profundidade o seu proceso de creación, podes descargar aquí o seu kit de prensa. Para saber máis sobre o traballo de imaxin|software no ámbito do gaming, visita esta sección da nosa páxina.
E agora que tes todos os datos, xa estás tardando en empezar a desfrutar -ou a sufrir- coa historia. Entra en tiprimeiro.gal, descarga a aplicación para o teu sistema operativo, pon os auriculares e mergúllate nesta novela visual sobre o amor.