Hoxe non imos falar moito de nós. Pero si de videoxogos, que é unha das nosas paixóns. O 6 de novembro de 2021 abre cun horario de visitas continuo o Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), en Cangas do Morrazo. É noticia e é importante non só polo feito de que teñamos aquí un museo dedicado aos videoxogos, senón porque é o primeiro en España que abre todas as semanas con acceso gratuíto para o público.
Pero, que é o MUVI? A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia é a entidade xestora dun espazo único onde se mostra a historia desta industria con máis de 150 sistemas electrónicos que abranguen 40 anos de cultura contemporánea. Consolas, ordenadores, microordenadores e máis de dous mil xogos en formato físico e dixital ofrecen unha rica perspectiva do gaming desde os anos setenta do pasado século ata hoxe.
A iniciativa, froito do traballo inicial de dous irmáns, Jacobo e Galo Martínez, estase a consolidar día a día grazas tamén a actividades divulgativas como a exposición Mulleres detrás dos videoxogos ou a presenza en foros e feiras como a de Pontevedra, onde presentaron unha mostra sobre videoxogos e ecoloxía. Podes atopar máis información na súa páxina web www.muvi.gal.
En imaxin|software estamos moi felices con esta nova. Como empresa comprometida co sector, somos un dos patrocinadores do Museo e a nosa compañeira Luz Castro forma parte do seu Padroado, en calidade de vicepresidenta. Así que, se tedes ocasión, non deixedes de visitar este espazo singular. Agárdanvos cos brazos abertos.
Anota o seu enderezo para a túa visita: Rúa Andalucía, 10, baixo. 36.490, Cangas do Morrazo. Teléfono de información: 651 66 27 45. Vémonos alí 😉