Unha nova forma de dialogar. Evolucionamos para comunicar mellor. Moi pronto, nova web.

LYNX: intelixencia artificial para entender mellor a túa información 

En imaxin, levamos máis de 25 anos traballando para que o mundo se entenda mellor a través da linguaxe. Hoxe, damos un novo paso con LYNX, o noso novo proxecto para transformar a forma en que administracións públicas, medios de comunicación e empresas acceden, interpretan e utilizan a súa información. 

Un novo xeito de buscar e obter respostas 

En moitas organizacións, a información está dispersa en bases de datos, documentos PDF, arquivos legais, informes técnicos ou páxinas web. Buscar unha resposta concreta pode supor tempo, erros e frustración. Por iso nace LYNX: unha plataforma conversacional que combina modelos de linguaxe (LLMs) con recuperación semántica de documentos (RAG: Retrieval-Augmented Generation) para ofrecer respostas precisas, contextuais e verificables, directamente en linguaxe natural. 

Pensado para sectores onde a información importa (moito) 

A solución aplicarase inicialmente en dous ámbitos nos que temos ampla experiencia: 

  • Administración pública: para mellorar a atención cidadá, resolver consultas sobre trámites, normativas ou subvencións, e reducir a carga de traballo en departamentos saturados. 
  • Medios de comunicación: para axudar a xornalistas a consultar a hemeroteca, buscar fontes fiables ou analizar tendencias, mantendo sempre o contexto e a fiabilidade das respostas. 

Pero LYNX vai máis alá: poderá adaptarse a calquera empresa ou institución que manexe grandes volumes de información desestruturada e precise dar resposta a clientes ou persoal da empresa. 

Un sistema flexible, seguro e multilingüe 

LYNX foi deseñado para ser modular e interoperable. Permitirá integrar diferentes modelos de linguaxe —coma ChatGPT, DeepSeek, LLaMA, ou modelos específicos como Carvallo ou Salamandra— e seleccionar o máis axeitado segundo o tipo de dato, o contexto ou o nivel de seguridade esixido. 

Ademais, porase especial atención nas linguas cooficiais, como o galego, ou o catalán, para garantir que a IA fale coma falamos nós. 

IA con propósito: soberanía tecnolóxica e valor local 

Nun momento no que as grandes tecnoloxías de IA están controladas por unhas poucas multinacionais, LYNX aposta por unha aproximación ética e soberana. O sistema poderá funcionar sen enviar datos fóra da organización, respectando a privacidade e evitando a dependencia de servizos externos. 

Contará tamén co apoio científico-técnico do CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela) para mellorar os modelos abertos existentes e adaptalos ao contexto lingüístico e institucional do noso país.  

Apoio do Igape 

Este proxecto foi subvencionado no marco da convocatoria IA360 do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

logos: Financiado por la Unión Europea, Plan de recuperación, Transformación y resilencia, Igape, Ministerio para la transformación digital y de la función pública

Se queres máis información sobre o proxecto ou estás interesado/a en colaborar, non dubides en contactarnos. 

En imaxin, a intelixencia está en diálogo.