Unha nova forma de dialogar. Evolucionamos para comunicar mellor. Moi pronto, nova web.

A pasada semana, do 18 ao 20 de setembro, celebrouse en Santiago de Compostela o DrupalCamp 2025, o maior encontro estatal arredor deste xestor de contidos. Nesta ocasión, en imaxin tivemos a honra de participar como patrocinadores bronce dun evento que reuniu a profesionais, empresas e comunidade para compartir coñecemento, experiencias e boas prácticas.

Non é unha aposta casual. En imaxin levamos máis de 15 anos traballando con Drupal en proxectos web de ámbito educativo, cultural e administrativo. Ao longo deste tempo, fomos medrando coa comunidade e confiando nun ecosistema tecnolóxico que nos permite ofrecer solucións robustas, flexibles e sostibles para os nosos clientes.

Un evento de referencia

O DrupalCamp 2025 inaugurouse o xoves 18 co Business Day, un espazo pensado para conectar empresas e institucións coas posibilidades que ofrece Drupal. Os días seguintes deron paso a un completo programa de conferencias, seminarios e sesións prácticas que abordaron desde a accesibilidade web ata os últimos avances en integración con intelixencia artificial.

Os compañeiros de imaxin que asistiron ao evento destacan a alta calidade das sesións e das persoas relatoras, así como a organización impecable: espazos ben equipados, medios técnicos á altura, puntualidade e información clara en todo momento. As pausas para o café e as comidas —a base de pinchos e produtos locais, como non podía ser doutro xeito en Galicia— foron tamén ocasións perfectas para facer comunidade e compartir experiencias con outros profesionais.

Que aprendemos

Entre as sesións máis valoradas polo noso equipo estiveron:

  • Fluxos de compra e métodos de pago, con demostración práctica e resolución de casos reais.
  • Configuración dun asistente de IA en Drupal, desde o básico ata a creación dun chatbot de procura en nodos.
  • IA para mellorar a produtividade, presentada como unha aliada para automatizar tarefas tediosas e, ao mesmo tempo, como unha oportunidade para implementar novas funcionalidades en Drupal mediante interacción en linguaxe natural.
  • Refactorización de código con Cursor, moi útil para actualizar proxectos con código legado como jQuery.
  • Avances de Drupal CMS e Experience Builder, que prometen mellorar a velocidade e simplificar tarefas habituais.
  • Drupal headless e arquitecturas desacopladas, cada vez máis relevantes para experiencias multicanle.
  • Ferramentas e prácticas técnicas en tendencia, como traballo con compoñentes, DDEV, Prometheus ou Grafana, que reforzan a calidade e a monitorización dos proxectos.
  • Accesibilidade web, con foco na nova directiva europea e ferramentas concretas para adaptar proxectos.
  • Boas prácticas no desenvolvemento con Drupal: tests, accesibilidade, trucos de Git, Drush avanzado, soporte multilingüe ou migracións.
  • Estimación e xestión de proxectos, combinando visións técnicas e de product owner.

Unha idea que quedou moi clara en varias charlas foi a visión realista da IA no mundo Drupal: unha ferramenta potente, pero que precisa ser guiada e supervisada. Como se dixo nunha sesión, “a IA é coma unha persoa bolseira: hai que levala da man”.

Un balance moi positivo

A experiencia foi moi enriquecedora. Voltamos con novas ideas, boas prácticas e contactos que reforzan a nosa aposta por Drupal e polo software libre como motor de innovación. Ademais de aprender, este DrupalCamp serviu tamén como un espazo de team building interno, permitindo reforzar lazos no equipo e compartir tempo cos profesionais da comunidade Drupal.
En imaxin cremos na intelixencia en diálogo. E o diálogo que se produce en encontros como este, entre empresas, profesionais e comunidade, é a mellor mostra de como a tecnoloxía pode axudar a que o mundo se entenda mellor.

Xa estamos contando os días para o próximo DrupalCamp.

Máis información sobre o evento en drupalcamp.es