Localización de Easy8: o software de xestión de proxectos xa fala galego

Fainos especial ilusión compartir unha noticia que reforza o noso compromiso coa lingua e coa tecnoloxía: completamos a localización ao galego de Easy8 (antes Easy Redmine). A partir da versión 15.5.0, calquera empresa ou organización que utilice esta plataforma no mundo poderá configurar a súa interface no noso idioma.

 

Que é Easy8?

Easy8 é unha das solucións de xestión de proxectos e recursos máis completas do mercado. Baseada en Redmine, utilízana miles de equipos en todo o mundo para planificar tarefas, xestionar proxectos, controlar orzamentos e organizar fluxos de traballo. 

Como persoas usuarias habituais da plataforma, coñeciamos ben o seu potencial, pero tamén unha ausencia evidente: non estaba dispoñible en galego.

 

Un acordo estratéxico polas linguas minoritarias

Co obxectivo de contribuír á presenza da nosa lingua nas ferramentas dixitais que empregan empresas e organizacións, propuxemos a Easy8 unha colaboración para facer posible a súa localización ao galego.

O resultado é que, desde agora, o galego forma parte das linguas da plataforma de xeito oficial e está dispoñible para todas as persoas usuarias.

Ademais, esta colaboración non remata aquí. O acordo inclúe tamén a localización de futuras actualizacións e novas funcionalidades, garantindo que a versión galega continúe evolucionando ao mesmo ritmo que o resto de idiomas.

Cada nova ferramenta que incorpora o galego é un paso máis para normalizar o seu uso nos ámbitos profesionais e tecnolóxicos. O noso equipo está orgulloso de poder contribuír a ese camiño.

Tes un proxecto?

Pídenos orzamento sen compromiso.