Opentrad+

Ficha

Estado: Proxecto subvencionado en execución
Duración: marzo de 2026 – marzo de 2027
Programa de financiamento: Igape Innova 2026–2027 (IG408L), Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)
Entidade participante: imaxin
Produto: Opentrad+

 

Resumo

Opentrad+ é un proxecto de innovación co que imaxin está a facer evolucionar Opentrad, a nosa plataforma de tradución automática, cara a un servizo lingüístico intelixente orientado aos procesos de tradución das organizacións.

O proxecto parte de máis de dúas décadas de experiencia de imaxin en tradución automática e tecnoloxías da lingua, e dunha plataforma que xa integra diferentes motores e servizos lingüísticos. Sobre esta base, Opentrad+ incorporará novas capacidades de intelixencia artificial para abordar de forma conxunta tarefas que actualmente adoitan estar repartidas entre distintas ferramentas: tradución, xestión de terminoloxía e memorias, tratamento de documentos, anonimización ou interacción cos sistemas de tradución.

O obxectivo é que Opentrad+ non sexa unicamente unha ferramenta á que enviar un texto para obter unha tradución, senón unha plataforma capaz de acompañar e automatizar procesos de tradución máis complexos, adaptándose ao contexto, aos recursos lingüísticos e ás necesidades de cada organización.

 

O reto

A tradución automática avanzou de forma moi rápida nos últimos anos, pero dispoñer de mellores modelos non resolve por si só todos os problemas dun proceso de tradución profesional. As organizacións traballan con terminoloxía propia, memorias de tradución, glosarios, documentos en múltiples formatos, información sensible e requisitos diferentes segundo cada proxecto ou departamento.

Ademais, a aparición de novos modelos de IA amplía as posibilidades dispoñibles, pero tamén fai necesario decidir que tecnoloxía utilizar en cada contexto e como integrala sen xerar dependencia dun único provedor.

Opentrad+ nace para abordar ese problema desde unha perspectiva de proceso: combinar modelos, recursos lingüísticos, documentos e ferramentas de IA dentro dun contorno común, mantendo o control sobre a información e permitindo adaptar o servizo a cada organización.

 

A achega de imaxin

Opentrad+ apóiase na experiencia acumulada por imaxin en tradución automática, procesamento da linguaxe natural e desenvolvemento de plataformas lingüísticas. Opentrad foi utilizado durante anos en proxectos para administracións públicas, empresas e medios de comunicación, o que nos permitiu coñecer de primeira man os problemas que aparecen cando a tradución automática se integra en procesos reais.

O proxecto aproveitará esta base tecnolóxica e o coñecemento adquirido para dar un novo paso: integrar os compoñentes xa dispoñibles con novas capacidades de IA e construír sobre eles unha experiencia de uso e unha arquitectura orientadas ao servizo.

A dirección técnica, o desenvolvemento, a integración e a validación do produto serán realizados polo equipo de imaxin, complementados con colaboracións especializadas en arquitectura, produto, experiencia de usuario e identidade visual.

 

Que imos desenvolver

Un dos principais cambios será a incorporación dun axente de tradución que permitirá interactuar coa plataforma mediante linguaxe natural. A persoa usuaria poderá solicitar unha tradución, indicar como quere realizala, achegar contexto ou recursos e traballar cos resultados desde un contorno conversacional.

Desenvolveremos tamén un sistema de tradución adaptativa baseado en RAG, orientado a aproveitar memorias de tradución, glosarios e outros recursos propios de cada organización para adaptar o resultado ao dominio e manter unha maior coherencia terminolóxica.

Opentrad+ incorporará así mesmo a xestión de memorias e glosarios, o tratamento de documentos PDF editables e non editables, a integración entre anonimización e tradución, unha área de usuario con información sobre actividade e consumos, e novas posibilidades de integración con outros sistemas mediante MCP.

Todo isto irá acompañado dunha renovación dos front-ends e da experiencia de usuario para facer accesibles estas capacidades desde un único contorno.

 

Tecnoloxía e enfoque

Opentrad+ deseñarase sobre unha arquitectura modular e baseada en microservizos, aproveitando compoñentes xa existentes en imaxin e incorporando os novos servizos desenvolvidos durante o proxecto.

Un dos principios tecnolóxicos será manter unha arquitectura agnóstica respecto dos modelos de IA. A plataforma poderá traballar con modelos autoaloxados ou servizos de terceiros e seleccionar as alternativas máis adecuadas en función do idioma, o caso de uso, a calidade requirida, a privacidade ou o custo.

Este enfoque permitirá que o produto evolucione a medida que aparezan novos modelos e tecnoloxías, evitando que a plataforma quede vinculada a unha única solución tecnolóxica.

 

Validación, piloto e melloras

O desenvolvemento realizarase de forma progresiva, comezando pola definición funcional e a arquitectura e continuando coa integración dos novos servizos, a renovación da interface e a construción dos front-ends e da área de usuario.

Na fase final realizaranse probas funcionais e técnicas e unha validación piloto, que permitirá comprobar o funcionamento de Opentrad+ en escenarios próximos ao uso real e recoller información para axustar o produto antes de completar o proxecto.

A avaliación terá en conta aspectos como os tempos de tradución, o tratamento de documentos PDF, a precisión terminolóxica, a redución de erros de postedición, o funcionamento do axente, a cobertura lingüística e a experiencia das persoas usuarias.

 

Resultados esperados

Ao finalizar o proxecto, esperamos dispoñer dunha nova versión funcional de Opentrad+ que integre nunha mesma plataforma tradución automática, tradución adaptativa, memorias e glosarios, procesamento documental, anonimización e novas formas de interacción mediante IA.

O proxecto deberá permitir simplificar procesos que actualmente requiren varias ferramentas e ofrecer ás organizacións un contorno desde o que xestionar de forma máis integrada as súas necesidades de tradución.

Opentrad+ ampliará ademais progresivamente a súa cobertura lingüística e estará preparado para integrar diferentes tecnoloxías e modelos a medida que evolucionen.

 

Impacto

Con Opentrad+ queremos trasladar os avances recentes en intelixencia artificial e tecnoloxías da lingua a procesos reais de tradución, onde a calidade dun modelo é só unha parte do problema.

O proxecto permitirá a imaxin facer evolucionar unha tecnoloxía cunha longa traxectoria cara a unha nova xeración de servizos lingüísticos baseados en IA e reforzar especialmente aspectos como a adaptación terminolóxica, a privacidade, a interoperabilidade e o control dos procesos.

Esta evolución está orientada tanto a administracións públicas como a empresas e organizacións que necesitan xestionar tradución de forma recorrente e buscan incorporar IA mantendo os seus propios recursos lingüísticos e requisitos de seguridade.

 

Financiamento

Proxecto financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) no marco do programa Igape Innova 2026–2027 (IG408L).

Tes un proxecto?

Pídenos orzamento sen compromiso.